Monday 29 de April de 2024

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares beneficia a 820 centros este curso


— A Xunta destina 1,5M€ a colexios e institutos para renovar fondos e espazos de lectura

— A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, gaba a importancia destes espazos na contribución á mellora da calidade educativa

— A representante da Xunta abre as Xornadas de Bibliotecas Escolares que congregan un milleiro de docentes en Santiago para intercambiar boas prácticas neste eido

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) volve medrar este curso ata acadar os 820 centros educativos beneficiados, 28 deles de nova incorporación, tal e como avanzou esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, con motivo da apertura da Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia que congrega en Santiago de Compostela a un milleiro de docentes para debater e intercambiar experiencias neste eido.

A representante da Consellería de Educación destacou o “importante” apoio da Xunta aos colexios e institutos que participan no programa, que reciben un total de 1,5M€ para a mellora destes espazos educativos que, en palabras de Judith Fernández, “exercen un papel fundamental na mellora das competencias académicas dos rapaces ao tempo que contribúen a reforzar a calidade do conxunto do sistema”.

Tamén salientou a aposta polo rural nesta convocatoria (coa mesma puntuación, prioriza as bibliotecas situadas en concellos de menor poboación) e pola adquisición de materiais en língua galega (como mínimo o 50% dos fondos mercados deben estar en galego) e dos destinados á atención da diversidade.

O obxectivo desta iniciativa é, por tanto, continuar mellorando estes espazos, a través da renovación dos seus recursos, para impulsar a comprensión lectora, o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe ou o estímulo do hábito lector entre toda a comunidade educativa.

Centros de nova incorporación
Así pois, grazas ao financiamento da Consellería, os 28 centros de nova incorporación (a razón de 15 na provincia da Coruña, catro na de Lugo, dous na de Ourense e sete na de Pontevedra), poderán actualizar os fondos documentais da súa biblioteca escolar, renovar o mobiliario e adquirir novo equipamento que consideren necesario.

Centro Concello
CEIP Plurilingüe de Prácticas A Coruña
CIFP Paseo das Pontes A Coruña
CEIP de Galán Arteixo
CEIP Plurilingüe de Abanqueiro Boiro
CEIP Gonzalo Torrente Ballester Cambre
CEIP Fogar Carballo
CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro Cerceda
IES Canido Ferrol
IES Ramón Caamaño Muxía
CEIP Ramón María del Valle-Inclán Oleiros
CEIP Luís Seoane Oleiros
CEIP Eduardo Pondal Ponteceso
IES Breamo Pontedeume
CEIP Plurilingüe Xuño Porto do Son
EOI de Santiago de Compostela Santiago de Compostela
CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla Antas de Ulla
CEIP Plurilingüe Concepción López Rey Baleira
CEE Santa María Lugo
IES do Camiño Palas de Rei
CEIP Virxe de Covadonga Ourense
CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira San Amaro
IES do Barral Ponteareas
CIFP A Xunqueira Pontevedra
CEIP Plurilingüe de Caldelas Tui
CRA de Valga Valga
EEI Rúa Aragón Vigo
CEIP de Fonte Escura Vigo
CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade Vila de Cruces

No caso dos centros que renovan o programa, reciben axudas para fondos, para renovar mobiliario e outros equipamentos, ou para gastos de funcionamento, en función do seu ano de incorporación ao programa. Ademais, todos eles reciben formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería.

 

Encontro Bibliotecas Escolares

Precisamente co obxectivo de seguir afondando na mellora dos espazos de lectura dos centros e incentivando a súa constante actualización, un milleiro de docentes danse cita hoxe nun encontro de bibliotecas escolares con distintas sesións e obradoiros ao longo de toda a xornada que servirán para analizar o papel das bibliotecas, afondar en novos programas de mellora e innovación e no intercambio de experiencias e boas prácticas.

 

Entre os relatores participantes cómpre destacar a presenza do pintor, ilustrador, guionista e director de animación Miguelanxo Prado, os ilustradores Xosé Antón Villaverde e Jorge Campos, a bibliotecaria Sira González e os investigadores Daniel Cassany,  Xabier Martínez e Xulia Pisón.